Os nosos proxectos

Actualmente estamos embarcados ou temos en mente moitos proxectos. Contámosvos os máis destacados:

Construción dunha táboa periódica de 4 x 2 m con textos curtos sobre cada un dos 118 elementos coñecidos, con mostras reais dos elementos ou de obxectos cotiáns nos que aparecen. Estamos traballando coa Facultade de Ciencias, profesores de Química Inorgánica e o Sistema de Normalización Lingüística da UDC.

Elaboración dunha árbore da vida de 4 x 2 m que conteña as relacións filoxenéticas entre todos os taxa coñecidos, nun formato resumido e con imaxes e exemplos da fauna galega ou peninsular na medida do posible.

Proxecto de gravación e montaxe de vídeos divulgativos serios e rigorosos, sobre reaccións químicas, seres vivos, materiais, elementos da táboa periódica, compostos químicos, procesos biolóxicos, fenómenos físicos… incluíndo entrevistas, pequenos reportaxes… Buscaremos colaboracións.

Posta en valor da flora micolóxica de Galicia co Grupo Micolóxico Galego, facendo exposicións, saídas e talleres divulgativos como as semanas dos cogomelos de 2016,  2017 e 2018.

Mantemento e mellora das instalacións acuarísticas da Facultade de Ciencias. Saídas de campo para a observación da fauna intermareal.

Participación en ferias científicas: ferias na Barrié, Domus, Aquarium Finisterrae, Casa das Ciencias, Maker Faire Galicia, OpenScience Cambre…

Saídas de campo para a observación de fauna e flora no entorno da UDC, no entorno do concello da Coruña e as súas costas, así como e en paraxes naturais de Galicia.

Exposicións temáticas de fotografías na Facultade de Ciencias, de fungos, flora criptógama, fotografía microscópica, fauna nocturna, avelaíñas, material de laboratorio, compostos químicos…

Visitas a colexios ou institutos para a realización de obradoiros interactivos de Ciencia.

Impulso, xunto co Grupo Naturalista Hábitat, a Facultade de Ciencias, e profesores de Zooloxía da UDC, da creación da colección zoolóxica e botánica da UDC baseada no material existente nas coleccións docentes, privadas, e novos exemplares, para a posta en valor do patrimonio natural galego.